A finalidade desta actividade é a de dar a coñecer e promocionar os distintos puntos de interese que ten o Concello de Oia, desde os cumios da Serra da Groba (curros, xacementos arqueolóxicos, muíños, regatos, pozas…) ata a costa (a Camboa, o Arrabal, as distintas parroquias costeiras…) para que tanto peregrinos/as como visitantes en xeral coñezan o amplo abano de posibilidades que Oia ofrece, e poidan visitalas, desta vez ou no futuro.
Nesta que sería a súa terceira edición, a proposta versa sobre o Festival do Rei Sol, organizado pola Asociación de Veciños de Viladesuso e a Comunidade de Montes, entidades ambas que levan cedendo as instalación do seu Centro Sociocultural dende o ano 2020 para a realización deste campo de voluntariado. Dito festival leva máis dunha década organizando actividades arredor da tradición oral, a música tradicional, a toponimia e patrimonio dos seus montes na Serra da Groba, así como á etnografía e o folclore. Ten lugar a primeira fin de semana de setembro, no Castro do Cano dos Mouros, a carón dunha peculiar formación rocosa coñecida como a Silla do Rei Sol, unha cadeira cunhas vistas privilexiadas sobre o Atlántico.